viernes, 22 de mayo de 2009

Comunicado de Fende Testas



Comunicado de Fende Testas, Changos e siareir@s do Compostela ante a negativa do clube a rebaixar o prezo das entradas.

Reunidos siareiros do Compos e membros de Fendetestas e Changos, manifestamos publicamente a nosa decisión de non acceder ao estadio este domingo 24 a presenciar o partido SD Compostela- Atlético Monzón, como sinal de protesta ante as últimas actuacións de Jose María Caneda.
No seu lugar, animaremos ao noso equipo dende as portas do estadio, onde nos concentraremos dende ás 15:30 horas ata que finalice o encontro, organizando unha festa alternativa.
Queremos aclarar que as causas que nos levan a tomar esta decisión non son económicas, xa que a maioría de nós adoitamos gastar mais de 20 € cada partido que o Compos xoga fora da casa, trátase só dunha cuestión de dignidade e dunha reacción orixinal e positiva ante o desprezo continuado do clube para cos siareiros do Compos.
Ao longo desta tempada, a directiva do Compos contou con nós para aquilo que precisou, asumimos de forma voluntaria o pago dun día do clube como forma de axudar ao noso equipo e solventar o pago das nóminas dos xogadores, esforzámonos en traer novos siareiros ao campo, reunímonos coa directiva cando se nos chamou, e colaboramos na difusión da festa que o clube prepara para o sábado 30, todo de forma desinteresada e sen pedir nin recibir nada a cambio.
Pese a isto, e unha vez mais, José María Caneda incumpre as súas promesas e decide de forma unilateral e faltando á súa propia palabra, fixar un prezo desorbitado para o primeiro partido da promoción de ascenso, obrigando ademais aos socios a asumir tamén ese custo sen desconto algún, equiparándonos a aqueles que nunca pisaron San Lázaro, nin deixaron un euro no clube, nin seguiron ao equipo durante toda a tempada polos campos da terceira.
Debemos sinalar o noso serio esforzo nestes días por facerlle cambiar de opinión ao presidente, xa que ninguén mais que nós quería ver ao Compos arroupado de forma maioritaria no estadio, plantexamos multitude de alternativas que evitaran esta situación, mais ningunha foi atendida.
Lamentamos que o clube non se de conta de que con estas medidas non só perde a oportunidade de sumar xente e atraer de novo á masa social que no seu día tivo o Compos, senón que acaba coa boa afección actual do Compos, que é o único que mantivo e mantén vivo ao equipo.
Queremos iso sí, mandar un forte alento aos nosos xogadores, aos que xa lles comunicamos a nosa decisión, e aos que animaremos mais que nunca o domingo dende as portas do multiusos, e unha semana despois no estadio do Monzón. Confiamos en que consigan para o noso Compos o tan esperado ascenso.
Finalmente, queremos convidar a todos os siareiros que queiran alentar con nós na xornada do domingo a que se sumen á nosa iniciativa, e pasen con nós unha tarde festiva e compostelanista.

E é que o domingo, a festa estará fora!

FORZA COMPOS!

Compostela, 21 de maio de 2009.

Fende Testas, Changos, e siareir@s do Compostela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario